INTEGRACIÓN AMBIENTAL DA SILVICULTURA DE ESPECIES DE CRECEMENTO RÁPIDO NA PREVENCIÓN DE INCENDIOS E A RESTAURACIÓN DE ZONAS DEGRADADAS
PROBLEMÁTICA EXISTENTE:
Galicia é unha Comunidade Autónoma con importantes aptitudes forestais, onde se producen a metade das curtas de madeira de toda España. Especialmente en base a dous grupos de especies, correspondentes ao xénero Pinus e ao xénero Eucalyptus. As frondosas autóctonas caducifolias ocupan case un terzo da superficie arborada galega, pero apenas se xestionan desde o punto de vista forestal. Cada ano, a superficie forestal de Galicia vese ameazada pola presenza de incendios, constituíndo así unha ameaza para a sociedade e o desenvolvemento rural, ademais de comprometer a sustentabilidade económica e social da Comunidade Autónoma.
Aínda que a maior parte da superficie queimada na última década, cun 82%, se correspondía con superficie non arborada, é moi importante integrar a superficie produtiva de arboredo na prevención dos incendios. Con medidas preventivas para que o lume non ocorra, ou se entra poder atallalo con facilidade, para o que ten gran importancia os coñecementos de selvicultura preventiva, e a creación e mantemento de infraestruturas como as liñas devasas, os puntos de auga, ou as pistas preparadas para a entrada rápida de medios de extinción. Tamén é fundamental coñecer a lexislación en materia de mantemento preventivo da vexetación, e de retranqueo das especies forestais a camiños, estradas, vivendas e outras infraestruturas.
Así mesmo, unha vez que o lume pasou por unha superficie forestal, é fundamental que o propietario teña os coñecementos básicos de restauración para que poida tomar as decisións adecuadas. É fundamental cortar a madeira e triturar os restos canto antes, para evitar a entrada de pragas e enfermidades nas masas debilitadas pola acción do lume. Así mesmo é fundamental protexer o chan da erosión, evitándose perdas de chan con medidas sinxelas que o propietario pode poñer en marcha, pero que ten que coñecer.
En definitiva, a mellor estratexia para actuar contra os incendios forestais e os seus efectos, é sen dúbida, evitar que sucedan, e saber como actuar unha vez que o lume pasou polo monte. Para iso é preciso concienciar ao conxunto da sociedade, e formar aos propietarios forestais e Comunidades de Montes. Mediante a execución deste proxecto, preténdese alcanzar preferentemente ao propietario forestal, e motivalo para unha xestión forestal activa, sostible e produtiva. Á vez, a través das accións de divulgación, preténdese chegar tamén ao público en xeral ao que se lle transmitirán informacións coherentes e veraces sobre as plantacións forestais produtivas na conservación do medio natural, prevención de incendios forestais e a loita contra o cambio climático.
OBXECTIVOS:
- Recuperar e coidar a contorna forestal, fomentando a xestión forestal sostible e o paradigma da economía circular, especialmente orientado á propiedade forestal, particular e veciñal.
- Fomentar medidas de prevención de incendios forestais a través do coñecemento da lexislación de incendios forestais de Galicia.
- Fomentar a integración ambiental da xestión forestal das especies de crecemento rápido, a través do uso da certificación forestal baixo selos PEFC e FSC.
- Favorecer a sanidade das masas forestais, mediante a silvicultura preventiva e loita integrada contra pragas e enfermidades.
- Crear unha conciencia ambiental positiva cara ás especies de crecemento rápido, destacando o seu papel na restauración ambiental, na produción de materias primas renovables, e na captación de CO2 atmosférico, e nas súas importantes achegas na loita contra o cambio climático.
ACCIÓNS:
- Xornadas sobre prevención de incendios forestais.
- Xornadas sobre restauración forestal, silvicultura e integración dos obxectivos ambientais nas plantacións forestais produtivas.
- Creación dun Punto de Asesoramento Forestal ENCE (PAF ENCE).