A Asociación Sectorial Forestal Galega, abreviadamente ASEFOGA, é unha asociación profesional de libre afiliación e sen ánimo de lucro, constituída no ano 1996 en Santiago de Compostela. Actualmente está formada por máis de 9.000 pequenos propietarios forestais, comunidades de Montes Veciñais en Man Común (MVMC), industriais da madeira, técnicos e outros membros vinculados coa actividade e xestión forestal.
Entre os seus fins e obxectivos está impulsar o desenvolvemento do sector forestal e defender os intereses dos propietarios de monte, colaborando na consecución dunha cultura forestal na sociedade galega acorde coa importancia estratéxica do monte e do sector forestal. Estas metas buscarán impulsar e xerar na poboación a concienciación e divulgación das tres funcións esenciais do monte: económica, conservación e protección de recursos e, social e recreativa. Para isto, ASEFOGA baséase na formación dos propietarios forestais nos ámbitos técnico, económico e, social e ambiental como eixe vertebrador.
