Santiago, 24 de xullo de 2024.- Realizar un control dos terreos forestais e contar en tempo real con información de distintos parámetros de utilidade á hora de implementar un plan de acción contra o lume máis eficaz non só é posible: é unha opción sinxela e asequible para comunidades de montes e propietarios forestais. É a conclusión que a Asociación Sectorial Forestal Galega ASEFOGA tira de FORESTECH; un proxecto desenvolto en colaboración con ENCE no marco do seu Programa de Responsabilidade Social Corporativa e, máis concretamente, do Plan Social ENCE Pontevedra.
As distintas probas realizadas sobre o terreo dende o pasado verán no marco de FORESTECH teñen permitido corroborar a viabilidade e a utilidade das solucións TIC para unha mellor xestión forestal. Tal e como teñen confirmado as experiencias realizadas sobre distintas parcelas de frondosas, piñeirais, eucaliptais e matogueiras, as novas tecnoloxías son unha opción máis que interesante á hora de garantir unha intervención rápida e efectiva en caso de incendio. Pero tamén para controlar a evolución de distintos parámetros de interese á hora de implementar accións de recuperación de terreos queimados e monitorizar a evolución das parcelas forestais.
Tras comprobar a eficacia e a viabilidade das solucións TIC nos montes galegos, ASEFOGA anima a propietarios forestais e comunidades de montes a sumarse á revolución tecnolóxica e facer uso dunhas ferramentas que, por un custo modesto, lles permitirán ter un mellor control das súas fincas e optimizar a súa xestión. Unha opción que sen dúbida tamén deben ter en conta as administracións á hora de mellorar os plans de prevención de incendios, optimizar tempos e intervir coa máxima axilidade e eficacia en caso de lume.
A prevención de incendios forestais é vital para atallar un problema recorrente en Galicia. Se ben no pasado esta problemática se concentraba nos meses de verán, a mudanza climática está a levar a unha desestacionalización destes episodios, que cada vez son máis frecuentes en período non estival.
O cambio dos patróns climáticos e o abandono de zonas rurais constitúe un dos principais acelerantes dos incendios forestais, ocasionando graves consecuencias ambientais, económicas e sociais. Así, nos últimos anos tense rexistrado un aumento da superficie forestal afectada por incendios; unha realidade que fai necesario buscar novas vías para mellorar a prevención e xestión do lume.
No marco de FORESTECH ASEFOGA ten impulsado accións divulgativas e formativas sobre distintas solucións TIC, tales como sistemas de detección temperá de incendios e novos sensores, plataformas integrais para a xestión de información e alerta ou sistemas de modelización e simulación de incendios. Así como sobre o desenvolvemento de novos modelos e tecnoloxías para a recuperación forestal.
O proxecto ten permitido desenvolver dous manuais: unosobre Solucións TIC para a Prevención e Mitigación de Incendios e outro sobre Novos modelos de recuperación de terreos queimados. Ademaís, tamén se teñen elaborado fichas prácticas sobre as mesmas temáticas que, ademais de ter sido distribuídas en formato impreso, atópanse dispoñibles na web de ASEFOGA. Uns materiais que a asociación agarda sirvan de guía e contribúan a estender o emprego das novas tecnoloxías nos montes galegos.
O proxecto tamén incluíu acción de asesoramento a propietarios forestais, comunidades de montes e outros actores do sector encamiñadas á implantación das novas tecnoloxías.
ASEFOGA pon o punto final a FORESTECH satisfeita polos resultados acadados no marco dun proxecto que ten permitido achegar información e formar a un elevado número de propietarios e profesionais forestais aumentado os seus coñecementos e competencias. A organización agarda que a experiencia permita estender o emprego dunhas solucións novidosas que abren novas vías para permitir unha mellor protección e resiliencia das áreas forestais galegas e optimizar a súa restauración en caso de incendio.