O presidente da Asociación Sectorial Forestal Galega ASEFOGA, Jacobo Feijóo, presentou este venres os resultados do proxecto INNOVAFOREST: Prevención e Resiliencia. Unha iniciativa desenvolta co apoio do V Plan Social Ence Pontevedra 2024 cuxo propósito principal é aplicar a innovación tecnolóxica ao ámbito forestal galego co fin de previr incendios, recuperar zonas afectadas e mellorar a xestión sostible dos montes.
Ao longo do último ano ASEFOGA ten traballado para dar forma a novas ferramentas dixitais para a recollida e envío automatizado de datos no monte en tempo real. No marco de INNOVAFOREST a asociación ten deseñado uns sensores que funcionan xa en parcelas de Cerdedo Cotobade, Viana do Bolo e na Mezquita; e que están a disposición das comunidades de montes e propietarios forestais interesados neles.
Os dispositivos recollen información sobre distintos parámetros relativos a cuestións relacionadas co estado do chan, a humidade ou a temperatura. Datos que permiten analizar posibles variacións e impulsar actuacións para optimizar o estado das parecelas e mellorar a prevención e actuar de xeito máis rápido en caso de lume.
Tanto os dispositivos deseñados como as asesorías impulsadas no marco do proxecto teñen xerado un alto nivel de interese, especilamente nas comarcas da provincia de Ourense máis afectadas pola terrible vaga de lumes do pasado verán.