Os bosques ocupan case unha terceira parte da superficie do planeta, en Galicia máis de 2/3 da superficie son terreos forestais (69%) e na provincia de Pontevedra a superficie forestal total é de 296988,3 ha, un 66% da superficie (fonte: 1ª Revisión do Plan forestal de Galicia).
Os bosques son unha fonte de recursos que teñen unha vital importancia no noso día a día, que é preciso coñecer e valorar, para saber coidalos e protexelos das ameazas que o asolan para que poidamos desfrutar del no momento presente, así como tamén deixalo en bo estado para as futuras xeracións. De aquí a necesidade de que toda a sociedade participe e se involucre na xestión sustentable dos bosques, concienciación que debe de comezar na infancia para acadar mellores resultados no futuro .
O Plan Forestal Español recolle a necesidade de acercar aos escolares este tipo de contidos resaltando que “o feito de que os bosques sexan unidades produtoras de materias primas e servizos indispensables para o desenvolvemento da nosa sociedade non parece representar en si mesmo un valor intrínseco que a sociedade aprecie”. É por isto que entre as accións prioritarias do citado Plan, inclúese o capítulo “Lo Forestal en la Educación Ambiental” que expón entre outros obxectivos o de “incidir sobre a poboación escolar con coñecementos, códigos de conducta e propostas que favorezan un maior coñecemento do sector forestal (…)
A cantidade de recursos que nos ofrecen os bosques é moi ampla e cobren moitas das nosas necesidades ademais de ter a vantaxe de ser naturais, é a mesma natureza a que os produce e son renovables, non se esgotan.
ACTIVIDADES A DESENVOLVER:
- Obradoiros divulgativos a escolares da provincia de Pontevedra sobre a importancia da conservación dos bosques e os produtos que podemos aproveitar e obter da súa correcta xestión, centrándose no uso da madeira como material construtivo.
- Vídeos divulgativos do ciclo da madeira
- Exposición fotográfica sobre os bosques e os usos e produtos que deles se obteñen.
DESTINATARIOS:
As persoas beneficiarias directas serán os escolares do 2º ciclo de educación primaria ( 3º e 4º) e os seu docentes
Como beneficiarias indirectas son as familias dos escolares e a sociedade en xeral, xa que as nenas e nenos son un importante vector de transmisión de información e son motores de cambio da sociedade actual
AS ACTIVIDADES SON TOTALMENTE GRATUÍTAS